Construír un vínculo tóxico pode ser un proceso moi gradual e silencioso no que, se non nos mantemos alerta dende un primer momento para detectar dinámicas de (mal)vinculación, pode ser o caldo de cultivo perfecto para asentar e normalizar actitudes desadaptativas na parella.
Ao longo dunha relación, especialmente nas fases iniciais nas que a nosa capacidade de raciocinio pode verse nubrada polos propios efectos do enamoramento, é moi importante manter activada a parte racional que nos permita detectar esas bandeiras vermellas que non podemos pasar por alto e valorar en cada momento se o que nos está aportando a outra persoa é o que realmente queremos
Algo no que fago moito énfase en consulta é na distinción entre a parte racional e emocional que todos posuímos, como se fosen dúas voces que de vez en cando entran en conflito e percibimos como unha loita interna. En primeiro lugar, temos á parte racional. A parte racional é aquela que, nunha relación tóxica, probablemente nos diga “non é aquí”, “sabes que isto non está ben”, “non te mereces algo así”, etc. Mentras que, por outro lado, temos á nosa querida parte emocional. A parte emocional é aquela que está marcada por todo o noso pasado e feridas emocionais, e, por iso, encargarase de manter o vínculo a toda costa.
Daquí xorde a importancia de crear vínculos sans nas relacións cos demais e con nós mesmos para non perdernos polo camiño. A nosa historia persoal define a nosa maneira de relacionarnos, sobre todo nas relacións sentimentais nas que podemos vernos máis vulnerables e as nosas feridas emocionais determinan a nosa conduta para evitar que se cumpran os nosos peores temores.
Para profundizar nas relacións e construír vínculos sans, é necesario que a nosa parella coñeza as nosas vulnerabilidades.
O problema xorde cando evitamos que a outra persoa sexa consciente das nosas vulnerabilidades por temor a que se reabran mentres reforzan estas feridas. Na maioría dos casos, acaba producíndose o fenómeno da profecía autocumplida. De que se trata? Imaxina que unha persoa teme profundamente o rexeitamento ou o abandono. Probablemente, todos os seus esforzos conscientes e inconscientes estarán dirixidos a evitar que isto suceda, investindo gran parte da súa enerxía emocional e facendo que todo o seu mundo dependa da parella. Por exemplo, pasará moito tempo cuestionando se todo vai ben na relación, buscará signos que poidan significar un cambio de actitude no outro, tentará con frecuencia de asegurarse de se é querido, e moito máis. Esta desconfianza que xeraba inicialmente o medo ao rexeitamento ou ao abandono, pode acabar asolagando á outra persoa e facendo realidade ese medo.
¿E se fose ao contrario? Imaxinádevos que, por ese mesmo medo ao rexeitamento ou ao abandono, a persoa atópase novamente buscando signos que poñan en perigo a relación, detéctaas e automáticamente aléxase poñendo distancia de por medio, que cres que acabará pasando neste caso? Como dicía anteriormente, a profecía autocumplida é casi unha constante neste tipo de relacións. Ese medo inicial desenvolve dinámicas desadaptativas na parella que acaban por danala e, se non se soluciona a tempo, rómpense.
Entón, que podemos facer para crear vínculos sans?
- Coñecer o noso pasado e entender por que nos relacionamos como nos relacionamos cos demais.
- Comprender e validar as nosas feridas emocionais e que mecanismos desadaptativos poñen en marcha.
- Compartir a nosa historia, as nosas feridas e os nosos medos ca nosa parella.
- Manter intactos os límites individuais que non poden excederse na relación.
- Manter a individualidade sen volcarse plenamente na parella: amizades, aficións, gustos, proxectos, etc.